En España, o proceso de renovación agrícola, industrial e comercial foi, no século XIX e comezos do XX, débil e moderado. A isto contribuíron unha serie de factores(6):
Obstáculos físicos e naturais: dificultan a explotación dos recursos e a creación de infraestruturas de comunicacións, o que eleva o prezo dos produtos. Deficiente calidade das terras e escasas fontes de enerxía.
Escasas transformacións agrícolas: pervivencia dunha agricultura tradicional que empregaba grandes cantidades de man de obra (aprox. 2/3 poboación activa) e cunha baixa produtividade. Non puido actuar como motor da modernización económica.
Reducida capacidade de consumo do mercado interior: os baixos ingresos de campesiños e obreiros limitaban a súa capacidade adquisitiva e, polo tanto, os niveis de produción.
Falta de competitividade dos produtos españois: os altos custes de produción fixeron que os produtos españois non puidesen competir no mercado mundial e obrigou a desenvolver políticas proteccionistas.
Escaseza de capitais: os capitalistas españois realizaron escasos investimentos produtivos, preferindo dedicarse á inversión inmobiliaria e á especulación. Foron os capitais estranxeiros os que dominaron as principais actividades produtoras e rendibles do país.
Mentalidade e actitude das clases empresariais e políticas.