Réxime progresista

Cards (13)

  • No verán de 1835 producíronse numerosas revoltas e pronunciamentos nas principais cidades de España, motivados pola crise da facenda española debido ao conflito carlista e alentadas polos liberais radicais. Formáronse xuntas locais que asumiron o goberno e restableceron a Constitución de 1812.
  • Nesta situación, Mª Cristina nomeou xefe do goberno a Mendizábal, liberal progresista que realizou numerosas reformas, principalmente de tipo socioeconómico. A máis destacada foi a desamortización eclesiástica, coa finalidade de solucionar os problemas facendísticos, ampliar os adeptos a Isabel II (novos propietarios) e desmantelar o poder económico da Igrexa.
  • Estas actuacións orixinaron desconfianza nos moderados, que presionaron á rexente para producir un cambio de goberno. Isto acentuou as protestas dos radicais, que no verán de 1836 protagonizaron o Motín de Sarxentos da Granxa: pronunciamento das tropas da Garda Real, no que obrigaron á Raíña a xurar e restaurar a Constitución de 1812.
  • A rexente confiou de novo o goberno aos progresistas, que restableceron a lexislación de Cádiz e do Trienio Liberal. Así mesmo, convocaron Cortes constituíntes coa finalidade de reformar a Constitución de 1812 e establecer as bases do novo sistema político.
  • Destas Cortes saíu unha nova lei fundamental, a Constitución de 1837, unha constitución breve (77 artigos) e menos democrática que a de Cádiz (a fin de conseguir o apoio dos moderados), e que adoptou os principios do liberalismo progresista. Fronte aos principios gaditanos, a nova Constitución estableceu:
    • Soberanía compartida: entre a Raíña e a nación. Predominio da Coroa sobre as Cortes: o rei ten dereito de veto e pode disolver a convocatoria de Cortes.
    • Reforzamento das prerrogativas reais: o rei exerce poder executivo, comparte o lexislativo, etc.
    • Cortes bicamerais: Congreso (deputados elixidos mediante sufraxio censatario indirecto) e Senado (membros nomeados polo rei entre unha lista proposta polas provincias).
    • Declaración de dereitos e liberdades individuais: igualdade xurídica e liberdade de imprenta.
    • Certa tolerancia relixiosa: o Estado non se declara confesional, aínda que se compromete ao mantemento do culto católico.
    • Recuperación da Milicia Nacional (composta de voluntarios e dependente do poder local).
  • A pesar da moderación con respecto a Cádiz, a Raíña rexente e os liberais moderados mantiveron unha oposición continua a este novo réxime constitucional. Tamén dentro das filas progresistas había detractores, sobre todo entre aqueles que consideraban que se concedía demasiado poder á Coroa e moi pouco á participación popular. Estes radicais son os que evolucionarán cara ideas democráticas.
  • Xa no 1838, Mª Cristina fixo que os progresistas fosen separados do poder. O intento do goberno moderado de modificar a lexislación progresista provocou a oposición e protesta dos liberais máis radicais, que protagonizaron diversos motíns e levantamentos no 1840. Encabezados polo xeneral Espartero, propuxeron a Mª Cristina unha correxencia. A negativa da Raíña provocou a súa renuncia e exilio en Francia.