Perda do imperio colonial

Cards (7)

  • A principal crise da rexencia de Mª Cristina de Habsburgo foi a insurrección de Cuba e Filipinas. No 1895, os separatistas cubanos reinician a guerra contra España, encabezados por José Martí. No 1896, a sublevación replicouse en Filipinas.
  • Para rematar coa rebelión, as autoridades españolas reforzaron os seus efectivos militares nas colonias, enviando numerosas tropas. O exército español tiña amplas carencias e debilidades: contaba cun armamento obsoleto e con soldados mal preparados e recrutados entre as clases máis baixas, entre os cales se propagaron rápido as enfermidades tropicais.
  • A inferioridade de condicións agravouse co apoio que EE.UU prestou aos insurrectos filipinos e, especialmente, cubanos. En plena expansión imperialista, os estadounidenses tiñan intereses económicos e políticos no Pacífico e no Caribe, polo que non dubidaron en entrometerse no conflito para desprazar a España.
  • No 1898, a estraña explosión do cruceiro estadounidense Maine, varado na Habana, foi o detonante para que o goberno estadounidense enviase un ultimátum a España para que renunciase ao control sobre Cuba. A exaltación patriótica da opinión pública e das autoridades, así como a confianza na vitoria e nas virtudes heroicas do soldado español, levou ao goberno español a declarar a guerra a EE.UU. Só algúns intelectuais, políticos de esquerda e as organizacións obreiras se opuxeron a esta decisión.
  • A guerra foi rápida e contundente. A vella armada española non podía competir cos acorazados norteamericanos, 4 veces máis numerosos e moito máis modernos. Os escenarios das batallas foron Santiago de Cuba e Manila. Tras o desembarco das tropas norteamericanas en Cuba, Porto Rico e Filipinas, o goberno español solicitou o armisticio.
  • As negociacións de paz remataron coa sinatura do Tratado de París (1898): España cedía Cuba, Porto Rico, Filipinas e a illa de Guam aos EE.UU, a cambio dunha compensación económica de 20 millóns de dólares. O resto de posesións menores que España tiña no Pacífico foron vendidas a Alemaña no 1899: illas Marianas e Carolinas.
  • A derrota, denominada desastre do 98, causou en España un forte choque na opinión pública, na intelectualidade, nos políticos e nas clases medias. Non provocou unha grave crise económica nin a ruptura do sistema político, pero puxo de manifesto a incapacidade da oligarquía dominante para modernizar o país. Os militares sentiron unha forte frustración e resentimento, pois responsabilizaron aos políticos do fracaso, e iniciaron unha etapa de defensa corporativista dos seus intereses e de desprezo á sociedade civil e ao réxime liberal, apostando por solucións políticas militares e de forza.