Liberalismo económico e capitalismo

Cards (9)

  • En Inglaterra, dende mediados do XVIII, produciuse un importante crecemento económico baseado na renovación agraria, a mecanización artesanal e a extensión dos novos sistemas de produción fabril. O conxunto destas transformacións coñécese como Revolución Industrial.
  • Estes cambios estendéronse por toda Europa con diferente ritmo. Aínda que o inicio da industrialización en España foi temperán, os seus progresos foron inferiores aos de países como Francia, EE.UU ou Alemaña. Non obstante, a coincidencia co proceso industrializador doutros países mediterráneos, como Italia ou Portugal, fan que algúns historiadores falen dun “modelo latino de industrialización”1 , caracterizado pola lentitude nas transformacións, a pouca repercusión social e o desfase evolutivo.
  • En liñas xerais, o proceso industrial español do XIX presenta as seguintes características: 1. Predominio das actividades relacionadas co sector primario (minaría, agricultura, pesca). 2. Protección arancelaria para defender a produción nacional ante a competencia estranxeira. 3. Dependencia do exterior en canto a equipamentos técnicos e capital. 4. Forte desequilibrio territorial e rexional. Destacaron dúas zonas industriais: Cataluña e País Vasco.
  • De acordo cos principios do liberalismo, as actividades económicas deben estar exclusivamente en mans dos particulares, sen intervención do Estado. A liberdade económica debe ser absoluta e basearse no libre xogo da oferta e da demanda.
  • Neste sentido, a man de obra considérase unha mercadoría máis, suxeita ás leis do libre mercado, polo que para obter maior beneficio empresarial se recomenda a desregulamentación das relacións de traballo, a división das tarefas e a mecanización fabril. O capital considérase o factor clave da produción e do enriquecemento, polo que o seu propietario debe empregalo para obter beneficios continuos mediante o seu constante reinvestimento.
  • No caso de España, a aceptación do liberalismo durante o século XIX fixo necesario modificar a lexislación económica do Antigo Réxime e elaborar novas leis para facilitar a liberdade económica e o desenvolvemento capitalista. Esta lexislación foi iniciada polas Cortes de Cádiz e continuada posteriormente polos gobernos liberais progresistas.
  • A lentitude no cambio lexislativo reflicte a debilidade da burguesía industrial en España, pois na maioría dos grupos dominantes pervivía unha mentalidade tradicional, onde o capital foi considerado máis como un factor de predominio social que de investimento económico.
  • Así mesmo, o principio da liberdade de mercado foi obxecto de permanente debate. Mentres que para o mercado interior se optou polo librecambismo, no caso do mercado exterior adoptouse o proteccionismo (medidas do goberno para dificultar as importacións e favorecer as exportacións a través de impostos, protexendo as empresas nacionais).
  • En liñas xerais, a lexislación arancelaria foi proteccionista, agás breves períodos dun breve librecambismo (1841-1849; 1869-1877). Cada sector empresarial defendeu os seus intereses e pediu o establecemento de medidas proteccionistas para o seu sector, ao tempo que esixían a liberalización para os outros.