A reforma agraria liberal e as desamortizacións

Cards (19)

  • No Antigo Réxime, diversas normas, leis e prácticas limitaban a produción agrícola e a propiedade da terra. Para a burguesía liberal, a única maneira de conseguir un maior desenvolvemento agrícola, que contribuíse ao aumento da riqueza, era levar a cabo unha reforma agraria que convertise a propiedade da terra nun ben libre, privado, particular e individual.
  • Esta reforma agraria tiña os seguintes obxectivos, relacionados co sistema de tenencia, propiedade e explotación das terras: -Abolición do réxime señorial (sistema de tenencia da terra). -Desamortización das terras eclesiásticas e comunais. -Desvinculación dos morgados. -Supresión das servidumes colectivas e o décemo eclesiástico. -Autorización da liberdade de cultivos, o cercamento dos campos e a libre compra-venda das terras.
  • Esta reforma foi iniciada polas Cortes de Cádiz e o Trienio Liberal, pero quedou anulada coa restauración absolutista. O triunfo liberal a partir de 1833 permitiu que, entre 1836 e 1855, se asentasen definitivamente as bases xurídicas para o desenvolvemento dunha agricultura susceptible de ser explotada con criterios capitalistas
  • A medida máis importante desta reforma agraria foi a desamortización. Entendemos por desamortización o proceso de incautación por parte do Estado, mediante unha compensación económica, de bens raíces, urbanos ou rústicos, pertencentes ás mans mortas eclesiásticas e aos concellos (baldíos e terras de comúns e propios). Estas terras, de propiedade institucional, serían vendidas nunha poxa pública.
  • O proceso desamortizador foi longo, debido tanto á masa de bens afectados como aos avances e retrocesos provocados polas disputas políticas e ideolóxicas. Cómpre destacar que os gobernos liberais progresistas foron firmes defensores desta medida, que era rexeitada por tradicionalistas e Igrexa e que foi paralizada polos gobernos liberais moderados.
  • Como precedentes temos a obra dos ilustrados. Estes foron quen iniciaron a análise e o estudo das medidas que se debían tomar para mellorar a agricultura e modificar o réxime de propiedade da terra. Estas medidas foron sintentizadas por Jovellanos no seu Informe sobre a Lei Agraria de 1795.
  • O primeiro precedente da desamortización liberal atopámolo no reinado de Carlos IV (1788- 1808), cando Godoy decretou a enaxenación e venda de parte dos bens da Igrexa de Castela. O obxectivo era sanear a facenda real, destrozada polas guerras.
  • Coas Cortes de Cádiz reanúdase o proceso, mais o obxectivo xa non era sanear a facenda senón cambiar a estrutura agraria. No 1813 promulgaron un decreto xeral de desamortización, polo que o Estado confiscaba e poñía en venda os bens dos afrancesados, das ordes militares, dos conventos suprimidos ou destruídos, xunto con parte do patrimonio da Coroa e dos baldíos e terras dos concellos (propios). Estas medidas tiveron escasa vixencia pola restauración do absolutismo e volvéronse a poñer en práctica no Trienio Liberal (1820-1823), neste caso afectando tamén aos bens do clero regular.
  • A volta ao absolutismo de Fernando VII no 1823 paraliza a labor desamortizadora. Foi no reinado de Isabel II cando se realizou a transformación do réxime da propiedade, entre 1835 e 1855. Podemos diferenciar varias fases:
  • A primeira fase ten lugar entre 1835-1836, cando no contexto da revolución liberal, o progresista Juan Álvarez de Mendizábal acometeu a desamortización eclesiástica mediante dous decretos que afectaron, basicamente, ao clero regular7 . Procedeuse así á nacionalización e venda do patrimonio de todas as ordes relixiosas disoltas, agás aquelas dedicadas a labores sociais. Os obxectivos prioritarios da desamortización de Mendizábal foron os seguintes:
  • o Reformar o réxime da propiedade, convertendo os bens inmobles das comunidades relixiosas en posesións individuais e libres. Contribuíu á desaparición do réxime señorial, pois a propiedade vinculada se transformou en propiedade plena, e favoreceu a unha nova masa burguesa de propietarios rendistas.
  • o Sanear a Facenda Real: obter recursos para cubrir os gastos provocados pola I Guerra Carlista. Non se conseguiu.
  • o Reducir a débeda pública: paso previo para poder reformar o sistema tributario.
  • o Crear un amplo apoio social á causa liberal, á vez que se debilitaba económicamente aos inimigos do liberalismo (Igrexa). A gran beneficiada foi a nova aristocracia rendista, que engrosará as filas do liberalismo moderado. Os grandes perxudicados, os campesiños: non viron satisfeitas as súas reivindicacións sobre o réxime de propiedade, polo que en moitos casos adoptaron posturas antiliberais: carlismo no norte e anarquismo no sur
  • O cambio de tendencia do goberno no 1837 paralizou a medida, posta de novo en práctica na rexencia de Espartero (1840-1843). No 1841 retomou a desamortización eclesiástica de Mendizábal e nacionalizou os bens do clero secular, que foron postos á venda.
  • A desamortización foi suspendida no 1844, cando se iniciou a Década Moderada. Os gobernos de Narváez alcanzaron un acordo co Vaticano, o Concordato de 1851, polo cal a Igrexa aceptou as vendas xa realizadas a cambio de que o goberno sostivese economicamente ao clero e se decretase o catolicismo de Estado.
  • Durante o Bienio Progresista (1854- 1856), foi aprobada a Lei Xeral de Desamortización, presentada polo ministro de facenda Pascual Madoz. Con esta lei iniciouse a desamortización civil, pola que se puxeron en venda os bens do Estado e dos concellos, ademais do que aínda quedaba das propiedades eclesiásticas (a pesar do Concordato).
  • Esta última foi a que produciu os maiores cambios polo gran volume de terras que se puxo á venda. Ademais, a lei de Madoz instaba aos propietarios a transformar os pastos e montes adquiridos en campos de cultivo, polo que se facilitaba o aumento da produción; porén, a produtividade non se incrementou, xa que os sistemas de cultivo non se modernizaron.
  • As consecuencias sociais foron duras, especialmente para o campesiñado máis pobre, que complementaba a súa economía cos recursos obtidos grazas ás terras comunais. Os ingresos foron destinados, maioritariamente, a financiar a construción do ferrocarril.