No 1864 creouse en Londres a Asociación Internacional de Traballadores, tamén denominada I Internacional, co obxectivo de potenciar a unión e loita do proletariado mundial. Grazas á legalización das organizacións obreiras durante o Sexenio Democrático, no 1870, despois dun congreso obreiro, fundouse en Barcelona a Federación Rexional Española (FRE), constituída por diversas seccións obreiras e integrada na AIT, que no 1873 acadou o seu punto álxido, con case 40.000 afiliados, a maior parte deles en Cataluña, Levante e Andalucía.