2. A crise de 1917

Cards (16)

  • No 1914, o Goberno declarou a España neutral na I Guerra Mundial. Non obstante, o conflito tivo un gran impacto na sociedade española, dividíndoa en aliadófilos (socialistas, republicanos e demócratas) e xermanófilos (sectores conservadores).
  • Desde o punto de vista económico, a guerra supuxo un incremento do desenvolvemento industrial de España, convertida en subministradora de todo tipo de produtos aos países belixerantes; esta economía de exportación provocou a suba dos prezos, especialmente os de primeira necesidade, e o consecuente descenso do nivel de vida das clases medias e, sobre todo, das populares.
  • É dicir, os produtos de primeira necesidade exportábase e o mercado quedaba desabastecido sufrindo as consecuencias as clases populares. Este contexto acentuou o malestar social e político. No 1917 produciuse a crise máis profunda do sistema da Restauración, resultado da confluencia de tres tipos de conflitos que puxeron en xaque ao Goberno: o militar, o político e o social.
  • Crise militar: as Xuntas de Defensa Esta crise iniciouse coa aparición, en outono de 1916 en Barcelona, das chamadas Xuntas de Defensa Militar. Eran asociacións de carácter corporativo-sindical, formadas por oficiais de media e baixa graduación, para defender os intereses profesionais e económicos do seu sector.->
  • ->A precaria situación económica do exército e a crise de prezos derivada da Gran Guerra favoreceron que se estenderan por España. A estas motivacións económicas e profesionais fóronse engadindo outras esixencias froito do resentimento militar ante os políticos e a sociedade: ascensos por antigüidade, defensa gubernamental das dignidades castrenses, represión inimigos da patria (socialismo, anarquismo e nacionalismos periféricos).->
  • ->O Goberno, que nese momento estaba dirixido polo conservador Emiliano Dato, declarou ilegais as xuntas militares, que foron disoltas e os seus dirixentes detidos. A reacción de solidaridade no exército e a súa aberta rebelión obrigou ao Goberno a retroceder e recoñecelas.->
  • ->O conflito puxo de manifesto a debilidade do poder político fronte ao militar. A partir de entón, a inxerencia do exército na vida política foi constante e convertíronse nos máximos garantes da orde pública. Porén, os problemas do exército seguiron sen solucionarse: orzamento e equipamento insuficiente, exceso de oficiais, divisións internas e resentimentos polos ascensos, etc. A actitude do exército foi imitada por outros colectivos, como o persoal de Facenda ou de Correos, que intentaron crear xuntas de defensa corporativa, rapidamente disoltas polo Goberno
  • Crise Política: a Asemblea de Parlamentarios Aproveitando a debilidade do Goberno provocada polo conflito co exército, o desprestixio do rei pola súa intromisión na política, as divisións dentro dos partidos dinásticos e o auxe dos nacionalismos en Europa, Francesc Cambó, líder da Lliga Regionalista Catalana, presionou ao Goberno para reformar o sistema político, democratizar e descentralizar España, o que conlevaba a autonomía de Cataluña.->
  • ->O Goberno mostrouse intransixente e negouse a negociar. Ante isto, a Lliga convocou para o 5 de xullo en Barcelona unha reunión á que asistiron case todos os deputados e senadores cataláns. Nesta xuntanza pediuse a inmediata reunión de Cortes Constituíntes, que debían deliberar sobre a organización territorial do Estado e a autonomía rexional e municipal.->
  • ->No caso de que o Goberno se negase a convocar Cortes, invitábase aos parlamentarios a unha Asemblea extraordinaria en Barcelona. Esta Asemblea de Parlamentarios celebrouse o 19 de xullo en Barcelona, a pesar da prohibición gobernativa. Acudiron un número reducido de parlamentarios (71 de 760), representación de catalanistas, socialistas e republicanos, que insistiron na convocatoria de Cortes constituíntes.->
  • ->Esta iniciativa foi considerada polo Goberno como ilegal, separatista e sediciosa. Aínda así, o seu fracaso débese fundamentalmente á falta de apoios sociais e ás divisións internas entre os seus compoñentes ante a folga xeral de agosto de 1917, pois a Lliga catalanista era un partido burgués e co obxectivo de restaurar a orde rematou pactando con Madrid.
  • Crise social: a folga xeral revolucionaria As dificultades económicas derivadas da Gran Guerra afectaron en gran medida ao proletariado. O empeoramento das condicións de vida das masas populares incrementou o malestar social, o que deu lugar a protestas e manifestacións. Xa no 1916, UXT e CNT convocaron unha folga xeral de 24 horas.->
  • ->No 1917 agrávanse as tensións. O detonante foi un conflito laboral dos ferroviarios valencianos e a negativa do Goberno a negociar. Ante isto, UXT e PSOE convocaron unha folga xeral en toda España para o 18 de agosto; os seus obxectivos tiñan carácter revolucionario: pedían a fin do réxime e a convocatoria de Cortes constituíntes.->
  • ->A folga contou co apoio dos republicanos e da CNT e tivo unha incidencia desigual a nivel territorial, en relación coa industrialización: gran seguimento entre o proletariado de Barcelona, a zona do Levante, Madrid, Asturias e País Vasco.->
  • ->O Goberno reaccionou decretando o Estado de guerra e impoñendo a lei marcial. O exército e a Garda Civil foron os encargados da represión, causando numerosas mortes. Os membros do Comité de Folga, entre os que destacaban os socialistas Julián Besteiro e Largo Caballero, foron xulgados por un consello de guerra e condeados a cadea perpetua.->
  • ->En síntese, no 1917, de xeito case simultáneo, unha parte do exército, parte dos parlamentarios e parte do movemento obreiro ameazaron con botar abaixo a orde constitucional e o sistema establecido. O Goberno controlou a situación, grazas, en boa medida, a que os protagonistas non coincidían nin en obxectivos nin en estratexia.