A partir de 1917, a inestabilidade política e social foi unha constante na vida pública española.
A nivel político, entre 1917 e 1922 sucedéronse 15 gobernos. O desprestixio da clase política e a fragmentación dos partidos dinásticos dificultou a formación dos gobernos. Despois da dimisión de Emiliano Dato no 1918, presionado polas Xuntas de Defensa Militar, o rei recorreu á formación dun goberno de concentración, composto por personalidades de diferentes grupos políticos (partidos conservador e liberal, e Liga Rexionalista de Cataluña). A formación deste goberno provocou a ruptura da quenda e a desaparición do bipartidismo dinástico.
A creación de gobernos de concentración foi frecuente neste período, aínda que as divisións internas dos seus membros fixeron que se tratara de iniciativas débiles e de escasa duración. Estes alternáronse con gobernos dos partidos dinásticos. En moitos casos, os cambios de goberno estaban motivados polas pretensións do exército, que presionaba ao rei para obter beneficios corporativos.
A nivel social, este período recibe o nome de Trienio Bolxevique (1918- 1921) polo incremento da conflitividade social que se viviu, tanto no campo como nas cidades, ao tempo que as organizacións sindicais multiplicaban os seus afiliados. A fin da I GM provoca a fin da economía española de exportacións, causando o peche de empresas, despidos e descensos salariais.
Estimulados polo triunfo da Revolución Rusa, os obreiros desenvolveron numerosas folgas e conflitos, especialmente en Barcelona, Estremadura e Andalucía. A radicalización e a violencia foron en aumento, tanto na represión das autoridades como na resposta das organizacións obreiras, destacando a CNT. A patronal tamén respondeu ás folgas co chamado “pistolerismo”, dirixido contra líderes sindicais e membros activos do movemento obreiro.
Isto coincide tamén co aumento da actividade dos movementos nacionalistas, tanto en Cataluña coma en País Vasco e Galicia. En Cataluña, a Liga aproveitou a súa influencia no Goberno para reclamar abertamente a autonomía política catalana. O PNV aumenta a súa presenza na política municipal e en Galicia é o momento da Xeración Nós e das Irmandades da Fala, que defenderon a autonomía integral galega.
A radicalización do movemento obreiro e as demandas nacionalistas causaron na sociedade española fortes temores que contribuíron a radicalizar o ambiente político. A oligarquía vía posible unha revolución desde abaixo, liderada polas masas populares, polo que tratou de manter o poder por todos os medios.