O 13 de setembro de 1923, Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, deu un golpe de Estado en Barcelona. As causas do golpe están directamente relacionadas coa situación política e social do momento: cuestión marroquí, radicalización e auxe do movemento obreiro e do catalanismo, incremento do terrorismo e inestabilidade política.
Ante o golpe de Estado, o Goberno tentou conseguir do rei a destitución dos xenerais sublevados e a convocatoria de Cortes. A falta de apoio do rei provocou a súa dimisión en pleno. O día 14 de setembro, Afonso XIII chama a Primo de Rivera para formar goberno e asumir o poder. A imposición dun goberno autoritario e ditatorial en España non foi un feito illado na época, senón que ao longo do territorio europeo se impuxeron gobernos autoritarios ou fascistas.
Trátase dun período de crise xeral do sistema liberal. O golpe de Primo de Rivera contou inicialmente cun amplo apoio popular, motivado polo malestar político e social e porque se presentaba como unha medida transitoria para solucionar os problemas vixentes. Contou co apoio da oligarquía política e económica e coa colaboración de UXT e PSOE ata 1929, grazas ao que conseguiron participar na nova lexislación laboral. Pola contra, o Partido Comunista e a CNT opuxéronse á Ditadura, ao igual que os republicanos, intelectuais e estudantado.
Primo de Rivera presentouse a si mesmo como o “cirurxán de ferro” que viña a rexenerar a vida pública española e solucionar os problemas máis urxentes: caciquismo, corrpución, separatismo, terrorismo, conflitividade social, baixo desenvolvemento económico e crise marroquí. De base ideolóxica católica e conservadora, estivo moi influenciado polos principios militares de orde e autoridade e polo fascismo de Mussolini, de quen intentou imitar algunhas medidas.